Escuchar
luns, 13 Xullo, 2020

Tres persoas necesitaron asistencia médica despois de verse implicadas nunha colisión frontal entre dous vehículos na N-640, ao paso por Caldas de Reis.

Ademais, como consecuencia do impacto, un dos coches comezou a arder e quedou afectada a parte dianteira do vehículo.

Ocorreu ao fío das once desta mañá na parroquia de Santo André de César, tal e como indicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para informar dun choque frontal entre dous turismos. Tamén indicou que había tres persoas que necesitaban asistencia médica, polo que o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia enviou un aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ademais, foron alertados os voluntarios de Protección Civil de Caldas e Cuntis e os Bombeiros do Salnés, xa que, entre os feridos, había unha persoa que necesitaba axuda para saír do coche sen que houbese que utilizar os equipos de excarceración.

Para retirar os danos provocados polo golpe e restablecer as condicións de seguridade na vía, os axentes da Garda Civil de Tráfico pediron a través do 112 Galicia a colaboración dos equipos do Ministerio de Fomento.