Escuchar
domingo, 9 Xuño, 2019

Tres persoas resultaron feridas, unha delas de carácter grave, como consecuencia dun atropelo na N-640, ao paso por Cuntis.

Segundo a información recibida no 112 Galicia, a persoa ferida grave foi alcanzada por un turismo cando se apeaba doutro na recta da Anllada.

En total, tres persoas, a que foi atropelada, e as outras dúas que viaxaban no turismo implicado necesitaron asistencia médica como consecuencia do impacto, que se produciu ás 18:30 horas no quilómetro 213 da N-640.  Ata alí dirixiuse un operativo formado polos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias e os membros do GES da Estrada e Bombeiros de Vilagarcía, xa que nun primeiro momento pensouse que a persoa atropelada estaba ademais atrapada baixo o turismo. Unha vez descartada esta información, os servizos sanitarios centráronse na atención dos feridos, dos cales dous, os ocupantes do turismo, foron evacuados en ambulancia e o máis grave, o atropelado, no helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Tamén se mobilizaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento para a retirada dos restos provocados polo accidente e restablecer así as condicións de seguridade na vía.

Dous motoristas feridos en San Cibrao
Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente no que se viron implicados dous motoristas. Ocorreu pasadas as seis desta tarde na N-525 ao paso pola localidade ourensá de San Cibrao das Viñas, onde dúas motos colidiron entre si e resultaron feridos ambos os dous condutores. 

Para a atención dos implicados no accidente, o persoal do 112 puxo os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, membros do GES de Pereiro de Aguiar e Garda Civil de Tráfico.