Escuchar
venres, 16 Outubro, 2020

O condutor dun camión que transportaba 24.000 quilos de fertilizante granulado resultou ferido e tivo que ser trasladado despois de que o vehículo envorcase e perdese a súa carga en Vilanova de Arousa, concretamente nunha rotonda no punto quilométrico 18 da PO-531.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia polos axentes da Garda Civil de Tráfico, a circulación de vehículos continúa con precaución na rotonda, excepto a incorporación a Caldas de Reis, que permanece pechada ao tráfico mentres continúen os traballos para restablecer as condicións de seguridade na estrada. Con este fin, a empresa transportista á que pertence o camión encárgase da limpeza da vía e do transbordo da mercancía que rematou espallada no accidente.

O 112 Galicia recibiu a alerta do suceso ás 17:00 horas a través da chamada dunha persoa particular e, decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Salnés, da Policía Local, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da estrada.