Escuchar
venres, 9 Outubro, 2020

O tráfico na AP-9 viuse condicionado na mañá de hoxe por mor dunha colisión entre dous camións á altura do punto quilométrico 156, en Vigo. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 05:30 horas, tras recibir a chamada dunha persoa particular. No seu relato, a testemuña do accidente afirmara que os dous vehículos de transporte chocaran ao paso pola parroquia de Candeán e que, os restos dos vehículos accidentados por mor do golpe, ocupaban parte da vía. 

De inmediato, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, ademais dos profesionais do servizo de mantemento da autoestrada.

Deste xeito, un dos carrís da AP-9 tivo que ser cortado para facilitar as labores de limpeza na vía.

Accidente cun tractor en Riotorto
Por outra banda, os servizos de emerxencia tiveron que intervir no lugar de Santa Marta, en Riotorto, para auxiliar un varón que caeu por un terraplén cando manexaba o seu tractor.

O incidente ocorreu poucos minutos despois das oito horas da pasada tarde e foron os profesionais sanitarios os que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o ferido atopábase liberado e accesible.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Barreiros, aos membros do GES da Pontenova, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos voluntarios de Protección Civil de Riotorto.

Finalmente, o home foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.