Escoitar
domingo, 14 Febreiro, 2021

Un ciclista necesitou atención sanitaria na tarde de hoxe tras ser alcanzado por unha moto mentres circulada pola OU-101, ao seu paso pola parroquia de Figueiroá, no concello ourensán de Paderne de Allariz.

Foi a persoa que conducía a moto quen chamou ao 112 Galicia preto das catro horas. Durante a comunicación, informou que atropelara un ciclista á altura da aldea Cascarreira e que era necesaria a mobilización urxente dun equipo sanitario para atendelo.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que, debido á gravidade das lesións, mobilizaron ao helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Para prestar apoio ao equipo médico e garantir a seguridade na vía, pasouse aviso tamén aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, aos membros do GES de Pereiro de Aguiar, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento das estradas.

Finalmente, a persoa ferida foi evacuada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.