Escoitar
venres, 5 Marzo, 2021

Un home resultou ferido ao mediodía de hoxe no concello lucense da Pastoriza despois de chocar o seu turismo contra unha árbore.

O accidente sucedeu no lugar de Córneas, na parroquia da Regueira, ao fío das 13:00 horas. Nese momento, o persoal do servizo sanitario de urxencia chamou ao 112 Galicia para informar dun sinistro na LU-P-0105 onde un varón resultou inconsciente tras chocar o seu vehículo contra unha árbore.

De feito, debido á gravidade das lesións provocadas polo impacto, os propios profesionais de saúde informaron da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago para atender ao ferido.

Así, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento dos membros do GES da Pontenova e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, o home foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Mancha de aceite na AG-55 en Arteixo
Por outra banda, os equipos de emerxencias e mantemento tiveron que intervir esta tarde para realizar a limpeza dunha extensa mancha de aceite na AG-55, ao seu paso polo concello coruñés de Arteixo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia ás 16:00 horas, unha avaría nun autobús –que circulaba sen pasaxeiros- foi o que provocou a vertedura da sustancia na autopista.

Así, para restablecer as condicións de seguridade na estrada, desde o 112 pasouse aviso aos Bombeiros de Arteixo, ao servizo de mantemento da vía e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Unha vez no lugar, os equipos de intervención indicaron que un dos carrís, sentido Carballo, estivo cortado desde o punto quilométrico 12,3 ata o 13,4 mentres duraron os labores de limpeza.