Alertas activas:

Escuchar
mércores, 23 Setembro, 2020

Os Bombeiros de Xinzo liberaron ao condutor que quedou atrapado na cabina do vehículo despois de caer por un terraplén e envorcar.

Todo sucedeu ao fío das 13:00 horas deste mediodía. Foi, a esa hora, cando un particular contactou co 112 Galicia para informar de que un camión que circulaba pola A-52, á altura do regato das Estivadas, dirección Vigo, saírase da vía e caera por un terraplén. O alertante indicaba que chamaba ao condutor pero non recibía resposta.

Así, con estes datos, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo e dos axentes de Tráfico, que de contado se desprazaron ata o punto.  Tamén acudiron os Bombeiros de Verín que, tras liberar ao home, axudaron aos compañeiros de Xinzo na evacuación do ferido ata onde o esperaba o persoal  médico da aeronave que os servizos sanitarios desprazaran ao lugar dos feitos.  

Con todo, foi preciso a interrupción ao tráfico nesa estrada, dirección Ourense para facilitar o traballo dos servizos de emerxencias. 

Desde o 112 Galicia solicitouse tamén a colaboración do persoal  do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.

Así mesmo, os profesionais do parque comarcal de Xinzo comunicaron ao 112 que cando estaban excarcerando ao ferido produciuse unha vertedura de combustible procedente do vehículo e chegou a un regato próximo.

Por iso, os xestores do 112 informaron da situación á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, ao persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Policía Nacional. Do mesmo xeito, foron informados os axentes do Seprona, que tamén se desprazaron ao lugar para valorar a magnitude da vertedura.

Finalmente, os profesionais sanitarios confirmaron que o helicóptero medicalizado con base en Ourense trasladara ao ferido ata o Hospital Clínico de Ourense.