Alertas activas:

Escuchar
xoves, 24 Setembro, 2020

Un home perdeu a vida despois de saírse da vía o vehículo que conducía pola AC400, ao paso pola Pereira, en Santa Comba.

As chamadas de alerta ao 112 Galicia das testemuñas do accidente permitiron activar un operativo no que participaron bombeiros e sanitarios, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.

Segundo indicaron as persoas que contactaron co servizo telefónico de emerxencias pouco antes das oito da mañá, o vehículo estaba moi danado, o que lles fixo pensar na posibilidade de que o condutor estivese atrapado. Unha vez no lugar do sinistro, os Bombeiros do Xallas comprobaron que poderían sacar á vítima sen medios de excarceración, pero estaba xa sen pulso. Con todo, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atenderon á persoa, pero sen éxito de recuperación.

Desde o 112 Galicia, pediuse tamén a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como dos membros do Servizo Local de Protección Civil e persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.

Un home atrapado nun vehículo en Vigo
Os bombeiros liberaron esta madrugada a un home atrapado no seu vehículo despois de sufrir un accidente na estrada de circunvalación de Castrelos, en Vigo. Segundo indicaron os efectivos de salvamento da cidade, a persoa foi trasladada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia sen recuperar aínda a consciencia.

Foi unha persoa particular quen deu a voz de alarma mediante a súa chamada ao 112 Galicia pasada a unha da madrugada. En concreto, sinalou que había un vehículo accidentado no medio do carril cuxo condutor estaba inconsciente. Deste xeito, o persoal do 112 avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como aos Bombeiros de Vigo non só pola situación na que se atopaba o condutor, senón tamén porque a persoa que alertou do suceso engadiu que o vehículo comezaba a arder.

Unha vez no lugar do accidente, comprobaron que o fume branco que se desprendía do capó do coche era vapor de auga e o condutor estaba atrapado. Así, procederon á excarceración e facilitaron a asistencia do equipo médico. Con todo, a persoa foi evacuado aínda sen recobrar a consciencia.

Ademais de bombeiros e sanitarios, neste operativo tamén colaboraron os axentes da Policía Local.  

Un coche bate contra unha rotonda na Estrada
Por outra banda, o 112 Galicia recibiu, minutos antes das seis desta mañá, o aviso dun coche que bateu contra unha rotonda na N640, ao paso por Guimarei, na Estrada. Como consecuencia do impacto, dúas persoas necesitaron asistencia médica, polo que unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse ao lugar do accidente. 

Tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e estiveron prealertados os membros do GES da Estrada, pero descartaron intervir debido a que os feridos estaban liberados e accesibles.

Ciclista evacuado ao CHUS
Por último, cómpre sinalar un accidente no que estiveron implicados un turismo e unha bici. O choque entre ambos os dous vehículos causou lesións de diversa consideración ao ciclista, un menor, que tivo que ser trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

O 112 Galicia coñeceu o suceso ás 21:15 horas de onte a través da chamada dunha persoa particular, que situou o accidente na N550, á altura da Igrexa de Setecoros, en Valga. Alí acudiron profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do GES de Padrón.