Escuchar
mércores, 1 Xullo, 2020

Un varón faleceu esta mañá despois de ser rescatado da auga nas proximidades do peirao da Pobra do Caramiñal, na Coruña.

Poucos minutos antes das dez horas, o 112 Galicia tivo constancia dun home que caera na auga, posiblemente, ao esvarar nunha zona de musgo preto do porto. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o varón xa fora rescatado por particulares e necesitaba asistencia médica urxente.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, alertouse do sucedido ao persoal de Portos de Galicia, aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local. Do mesmo xeito, púxose a situación en coñecemento dos membros de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Con todo, pese aos esforzos dos efectivos sanitarios, nada puideron facer por salvarlle a vida ao home.

Caída nas rochas en Fene
Outro incidente similar puxo en alerta aos servizos de emerxencia na mañá de hoxe. Nesta ocasión tratouse dun pescador que sufriu unha caída nunha zona rochosa, no paseo marítimo de Fene. Afortunadamente, o home, puido ser rescatado para ser trasladado ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios.

Ás 11:30 horas, o 112 Galicia recibían o aviso dos axentes da Policía Local. Informaban dun varón que caera nunha zona de difícil acceso mentres pescaba. A causa das lesións sufridas, o ferido necesitaba axuda para abandonar o lugar polos seus propios medios.

Así, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros de Ferrol, do GES de Mugardos, da Garda Civil, da Policía Local e tamén de Protección Civil de Fene.

Unha vez no punto, os equipos de emerxencias puideron rescatar ao pescador que, finalmente, foi evacuado ao centro médico polos profesionais sanitarios.

Por outra banda, cómpre sinalar que a busca do home desaparecido en Valdoviño segue activa desde as primeiras horas desta mañá.

O operativo, que conta coa intervención de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local e dos membros de Protección Civil de Valdoviño rastrexa, nestes momentos, a zona comprendida entre a enseada de Baleo e Pantín, co obxectivo de localizar algún indicio que poida conducir ao paradoiro do pescador desaparecido.

Tamén, os medios de intervención aéreos agardan unha mellora das condicións meteorolóxicas para poder reincorporar as aeronaves de busca ao operativo.