Escuchar
sábado, 4 Abril, 2020

Os servizos de extinción apagaron este mediodía un incendio que afectou á zona exterior dun recinto que alberga unha fábrica de embarcacións de poliéster.

Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais. O  lume afectou á zona exterior do recinto e calcinou un galpón anexo á nave con material de carpintería que almacenaba no seu interior.  Unha embarcación tamén se viu afectada.

Varios particulares, ao fío das 14:15 horas, alertaban ao 112 Galicia de ver saír moito fume dunha nave situada no lugar dos Campos, preto do grupo escolar, no concello pontevedrés do Grove.

A  partir de aí, púxose en marcha un operativo no que participaron os Bombeiros do Salnés,  GES de Sanxenxo, Protección Civil do Grove,  Garda Civil e a Policía Local. Tamén,  foron informados os Servizos  de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por si fose precisa a súa intervención nalgún momento, así como o persoal do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Unha vez extinguido, os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil procederon a refrixerar a zona.

Incendio nunha panadaría
Tamén este mediodía, o 112 Galicia recibía a chamada doutra persoa particular que informaba de ver saír moito fume do interior dunha panadaría, no lugar de Figueiras, en Ortigueira. Aseguraba que non había actividade no establecemento, polo que,  ao igual que no caso anterior tampouco houbo que lamentar danos persoais.

Nada mais recibir o aviso, ao redor das 14:30 horas, os xestores do 112 deron conta dos feitos aos Bombeiros do Eume e aos membros do GES da localidade. Tamén informaron da situación á Garda Civil.

Tras apagar o lume, os membros do GES indicaron ao 112 Galicia que ardeu un forno, a instalación eléctrica, o falso teito e leña que había amontoada a carón do mesmo forno.