Escuchar
venres, 6 Decembro, 2019

Un incendio derruíu esta madrugada unha casa na localidade lucense de Begonte. Afortunadamente, no momento de iniciarse o lume, non había ninguén no interior do inmoble, polo que, non houbo que lamentar danos persoais.

Ás 00:00 horas, os axentes da Garda Civil informaban da súa saída ao 112 Galicia. Indicaban que recibiran o aviso dun alertante que informaba dunha casa ardendo e situada,  ao redor do punto quilométrico 4 da LU-541, en Damil.

Con estes datos, o 112 Galicia axiña informou dos feitos  aos Bombeiros de Vilalba. Ademais, ao non ter a certeza de que houbese persoas afectadas, os xestores de emerxencias,  alertaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias-061 de Galicia, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.

Finalmente, a escasos minutos das 03:00 horas, os Bombeiros comunicaban ao 112 Galicia o remate das tarefas de extinción, refrixeraron a zona e confirmaron que ardera a casa na súa totalidade.

Nave calcinada en Coirós
Por outra banda, esta mañá sobre as 07:30 horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia , foi alertado dun incendio nunha nave situada no lugar da Espenuca, no concello coruñés de Coirós. Segundo a información recibida no 112 Galicia, tratábase dunha nave de polos, que comezaba hoxe a actividade, polo tanto e  por fortuna, no momento de iniciarse o lume, as aves aínda non foran colocadas no seu interior.

Ata o lugar, desprazáronse de inmediato os Bombeiros de Betanzos, nada mais ser alertados polo 112 Galicia, así como, os axentes da Garda Civil. O persoal do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foi informado polo 112 Galicia.

A esta hora, os Bombeiros continúan no lugar traballando. Indicaron que a situación estaba controlada e que quedan pequenos focos por extinguir, iso si, a nave ardeu por completo. A gran cantidade de labra acumulada no seu interior foi a causa pola  que as lapas se propagaron con tanta rapidez.