Escoitar
xoves, 8 Abril, 2021

Unha persoa resultou afectada por inhalación de fume despois de declararse un incendio na cociña dunha vivenda en Burela. Segundo os datos recollidos no 112 Galicia, esta persoa tivo que ser trasladada ao Hospital da Costa polos servizos médicos.

O 112 Galicia tivo coñecemento dos feitos preto das dúas e media da tarde a través dunha persoa particular, que indicaba na súa chamada que o incendio tiña lugar na Rúa do Capela e, axiña, os xestores do CIAE 112 Galicia alertaron aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, a Protección Civil da localidade e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que finalmente trasladaron a unha persoa con síntomas de intoxicación por inhalación de fume.

O lume, que foi extinguido polos Bombeiros de Barreiros e os efectivos do GES de Cervo, tamén provocou danos na cociña. Concretamente, ardeu a campá extractora da estancia, a causa dunha tixola esquecida ao fogo.

Incendio nun piso en Santiago de Compostela
Uns minutos despois tiña lugar outro incendio nunha cociña dun piso, esta vez na Rúa do Ulla, en Santiago de Compostela. Neste caso, tamén precisou asistencia médica unha persoa, ao queimarse nun brazo, e tivo que ser trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Foi un veciño quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia ao entrarlle fume no seu piso.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Santiago, da Policía Local e Nacional, de Protección Civil e de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.