Escuchar
martes, 14 Xaneiro, 2020

Un adolescente resultou ferido de consideración esta tarde despois de ser atropelado por un camión nun paso de peóns, á altura do edificio do conservatorio da localidade pontevedresa de Redondela.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos dez minutos antes das 19:00h de hoxe. Foron varios particulares os que chamaron, a esa hora, ao 112 Galicia para alertar do suceso.

De contado, os xestores de emerxencias pasaron aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que debido a gravidade do suceso mobilizaron unha ambulancia medicalizada ao lugar. Ademais, informaron aos axentes de Tráfico, da Policía Nacional e Local, que de contado se desprazaron tamén ata o punto.

Nestes intres, os servizos de emerxencias continúan aínda no lugar dos feitos.