Escuchar
venres, 24 Agosto, 2018

O 112 Galicia atendeu na tardiña de onte dous accidentes con outros tantos motoristas implicados, dos cales un resultou falecido.

O sinistro mortal produciuse pasadas as sete da tarde cando o condutor dunha moto foi atropelado por un turismo que circulaba pola A-6, ao paso polo concello coruñés de Abegondo en dirección á Coruña. Varias testemuñas do accidente contactaron co 112 Galicia para pedir axuda para o motorista, que xacía na calzada. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, avisouse aos servizos sanitarios de urxencia, que pouco despois confirmaban o falecemento da persoa. 

Cómpre sinalar que os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias contaron co apoio dos Bombeiros de Betanzos e os axentes da Garda Civil de Tráfico, alertados polo persoal do 112.

Uns vinte minutos máis tarde, o servizo de emerxencias de Galicia recibía unha nova chamada de alerta por mor doutro motorista que sufriu lesións graves ao bater cun camión na Esperela, en Baleira. Para atender ao ferido, un equipo médico do 061-Urxencias Sanitarias desprazouse ao lugar do accidente a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. Tamén acudiron membros da Garda Civil de Tráfico tras o aviso do persoal do CIAE.

Choque cun xabarín en Pontevedra
Ademais, preto da medianoite, o 112 tivo coñecemento doutro accidente na Autovía Pontevedra-Marín (PO-11) no que tamén se viu implicado un motorista, que neste caso bateu contra un animal que interceptou na vía. Algunhas das testemuñas do accidente aseguraron que se trataba dun xabarín que irrompeu na estrada, arredor do quilómetro 0,5 en dirección a Pontevedra. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112, pediuse a colaboración dos servizos sanitarios de urxencia para atender ao motorista. Igualmente, solicitouse a intervención do persoal de limpeza e mantemento da vía para a retirada do animal e o restablecemento das condicións de seguridade.