Escuchar
domingo, 12 Maio, 2019

Un motorista faleceu esta tarde despois de caer co seu vehículo cando se dirixía ao Monte Alba, en Vigo.

Foi un veciño quen deu a voz de alarma a través da súa chamada ao 112 Galicia cando se aproximaban as 15:30 horas de hoxe. Deseguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Policía Local e aos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, aínda que nada puideron facer por salvar a vida do motorista.

Camión envorcado en Verín
Por outra banda, o 112 Galicia rexistrou esta tarde outro accidente de tráfico. Neste caso, un camión para o transporte de animais saíuse da vía e bateu contra a mediana cando circulaba pola A-52, á altura de Verín.

O accidente sorprendeu a moitos condutores, quen, ás 17:15 horas de hoxe, comezaron a chamar ao 112 Galicia para pedir asistencia médica para o camioneiro que parecía estar convulsionando. Por iso, nun primeiro momento, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias sopesaron enviar o helicóptero medicalizado, pero, finalmente, o condutor puido ser trasladado en ambulancia.

Ademais, desde o 112, pediuse a colaboración dos Bombeiros de Verín por se fose necesaria a excarceración, que quedou descartada en canto comprobaron que a persoa estaba accesible e liberada. 

Por último, cómpre sinalar que a carga do camión, animais vivos, foron recollidos pola empresa de transporte.