Escuchar
xoves, 8 Agosto, 2019

Un operario perdeu a vida na tarde de hoxe ao ser golpeado por unha árbore mentres realizaba unha poda.

Ás 13:30 horas, os xestores do 112 Galicia recibiron a alerta dun accidente laboral nunha zona de monte da parroquia de San Miguel do Campo. Segundo a información facilitada, o home foi sorprendido pola caída da árbore mentres facía unha corta e, malia os esforzos do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para reanimalo, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil co fin de aclarar as circunstancias do suceso.

Accidente laboral en Boiro
Por outra banda, outro operario tivo que ser rescatado en Boiro ao precipitarse por un terraplén mentres cortaba leña. Na caída, o toro dunha árbore golpeou unha das súas pernas, o que lle impedía abandonar o lugar polos seus propios medios.

O 112 Galicia foi alertado do suceso ás 14:00 horas, grazas a chamada dun compañeiro que solicitaba asistencia médica urxente para o traballador ferido no fondo dun terraplén. Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira para poder acceder ao operario.

Unha vez no lugar do accidente, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento puideron realizar o rescate coa axuda dunha padiola especial e achegalo ata unha ambulancia dos servizos sanitarios que se atopaba no punto.

As forzas da orde tratan de recadar toda a información ao redor do incidente.