Escuchar
martes, 22 Setembro, 2020

Un turismo cae con dúas ocupantes a bordo a un parque desde a ponte da autovía en Barbadás.

Malia o impacto, as persoas, unha muller e unha menor, saíron do vehículo sen a necesidade dos medios de excarceración e o seu estado de saúde é bo, aínda que serán sometidas a un recoñecemento médico.

Iso si, a situación causou o asombro das persoas que foron testemuñas do accidente, polo que, decontado, chamaron ao 112 Galicia para pedir asistencia urxente cando se aproximaban as nove desta mañá. Todas coincidían en sinalar que o vehículo caeu desde a ponte da autovía a un parque situado na Avenida de Celanova, en Barbadás.

Deseguido, o persoal do 112 avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e aos membros do GES de Pereiro de Aguiar. Tamén foron informados os efectivos do Servizo Local de Protección Civil, os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, quen confirmaron que as ocupantes, unha muller e unha menor, estaban fóra do coche e en bo estado a falta de que sexan sometidas a un recoñecemento médico.