Escuchar
sábado, 16 Novembro, 2019

Un total de 160 persoas víronse afectadas esta tarde por unha avaría na catenaria que prexudicou a circulación de dous trens a poucos quilómetros da estación de Ourense. De feito, a pasaxe tivo que ser trasladada a bordo de autobuses para poder continuar o traxecto ata a estación. Malia o inconveniente, ninguén resultou ferido ou necesitou asistencia sanitaria.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 14:00 horas de hoxe. Neste momento, o persoal de Adif púxose en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para informar do incidente e solicitar apoio para evacuar aos pasaxeiros con seguridade.

Con estes datos, os xestores do CIAE puxeron en alerta aos Bombeiros de Ourense, aos axentes da Policía Local e Nacional e tamén aos membros de Protección Civil de Ourense e Barbadás.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a intervención por parte dos equipos de emerxencia rematou ás 16:15 horas, cando todos os pasaxeiros foron evacuados.

Ao fío das 17:30 horas o persoal da Adif confirmaba ao 112 que a avaría foi solucionada e que a circulación puido ser restablecida.