Escuchar
luns, 13 Maio, 2019

Unha persoa foi trasladada tras sufrir un accidente co seu vehículo ao seu paso pola parroquia coruñesa de Santa Cruz de Mondoi. Os vehículos implicados, unha furgoneta e un camión de paquetería, colidiron na AC-840, á altura do punto quilométrico 3,6.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia para informar do incidente. No seu relato, indicaba que tras producirse o choque entre os dous vehículos, podía haber persoas atrapadas.

De inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros de Betanzos, do GES de Curtis, da Garda Civil de Tráfico.

Debido ao impacto, un farol do alumeado público tamén se viu afectado, por iso, foi necesaria a intervención do persoal do servizo de mantemento para a reparación dos danos causados.

Dous feridos en Pontedeume
Dúas persoas resultaron feridas ao colidir frontalmente dous turismos que circulaban ao redor do punto quilométrico 20 da N-651, ao seu paso por Pontedeume. O accidente ocorreu sobre as 22:45 horas da noite pasada,  mesmo na Ponte, por iso, a circulación viuse afectada nese tramo provocando  importantes retencións na vía.

Ata o lugar, nada mais ser alertados polo 112 Galicia acudiu ademais dos servizos sanitarios, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén, foi precisa a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Os dous feridos foron trasladados polo persoal do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia.