Escuchar
mércores, 6 Novembro, 2019

Unha persoa resultou ferida de consideración, esta tarde, nun accidente múltiple con catro vehículos implicados, cando circulaban pola estrada de discorre pola localidade coruñesa de Noia ata Porto do Son.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ao fío das 18:00 horas, momento en que varias persoas particulares solicitaban asistencia médica urxente para unha persoa ferida no sinistro.

Axiña, os xestores de emerxencias do 112 Galicia poñían o suceso en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaban unha ambulancia medicalizada para a atención da persoa. Ademais dos servizos sanitarios, tamén foron alertados os Bombeiros de Boiro, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local, os membros do GES de Brión e os efectivos de Protección Civil.

Nada mais chegar ao punto, os profesionais sanitarios estabilizaron á persoa para ser trasladada nunha ambulancia medicalizada ao centro hospitalario de referencia.

Cinco feridos en Melide
Ademais, cinco persoas resultaron feridas nun accidente no que colidiu un camión e un turismo cando circulaban pola AC-840, ao seu paso polo concello de Melide.

O accidente ocorreu ás 13:30 horas de hoxe, momento no que os servizos sanitarios de urxencia alertaron ao persoal do 112 Galicia. Indicaban que un turismo e un camión colidiron na estrada que une as localidades de Melide e A Coruña.

Así, desde o 112 Galicia informouse de inmediato aos Bombeiros de Arzúa, aos axentes de Tráfico e Policía Local, e aos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, solicitouse a colaboración do persoal do servizo de mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade da vía.

Unha vez no lugar do sinistro finalizada a intervención, Protección Civil comunicou ao 112 Galicia o traslado de cinco persoas, delas tres pertencentes ao turismo e outras dúas ao camión, ata o centro hospitalario de referencia.