Escuchar
luns, 4 Novembro, 2019

Unha muller tivo que ser excarcerada a causa dunha colisión múltiple provocada por un xabaril que interceptou a vía na A-52,  á altura do punto quilométrico 211, en Allariz.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos tras recibir as chamadas de alerta de diversos particulares ao fío das 20:00 horas da pasada noite. A irrupción do animal provocou a colisión entre os tres vehículos mentres circulaban pola parroquia allaricana de San Breixo de Queiroás.

Segundo a información facilitada polos alertantes, como consecuencia do impacto, un dos ocupantes dun dos automóbiles implicados no sinistro necesitaba axuda para saír do vehículo.

Decontado, os axentes do 112 solicitaron a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Xinzo de Limia e dos membros do GES de Pereiro de Aguiar.

Unha vez no punto, os servizos de emerxencia procederon a liberar á ferida e encamiñala ao centro hospitalario de referencia.

Para garantir as condicións de seguridade na vía, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento das estradas.