Escuchar
luns, 22 Xullo, 2019

Catro persoas tiveron que ser trasladadas esta mañá a un centro médico despois dunha colisión na que se viron implicados tres turismos en Vimianzo. Segundo puido saber o 112 Galicia, un total de sete persoas foron atendidas despois do sinistro.

O accidente tivo lugar na AC-552, á altura da parroquia de Berdoias, uns minutos antes das 11:30 horas. Nada máis recibir o aviso a través dunha persoa particular, desde o CIAE 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Cee, do servizo de mantemento da estrada e da Garda Civil de Tráfico.

Excarceración
Por outra banda, unha persoa resultou ferida esta mañá en Ferrol nunha colisión entre un coche e un camión. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Ferrol ao quedar atrapada no interior do turismo accidentado.

O sinistro produciuse na estrada que une Ferrol e A Graña, ao fío das 11:20 horas.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos a través da chamada dunha persoa particular. Decontado, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ferrol, á Policía Local, e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol.

Colisión entre coche e camión
Ademais, unha muller e dous menores resultaron feridos de carácter leve esta mañá en Bergondo ao bater o coche no que viaxaban contra un camión. Ocorreu na AP-9F, concretamente no punto quilométrico 1, en Guísamo.

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia uns minutos antes das 9:15 horas para alertar do accidente e, nada máis recibir o aviso, desde o CIAE 112 Galicia informouse do sucedido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local, á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Bergondo e aos Bombeiros de Betanzos.

Finalmente, a muller e os dous menores foron trasladados ao centro médico de referencia.