Escuchar
domingo, 21 Xullo, 2019

Unha muller alertou do seu propio accidente despois de caer por un terraplén e dar varias voltas de campá o vehículo que conducía.

Sucedeu pasadas as catro desta madrugada na estrada de Santiago a Coiro, despois da Canteira do Pozo, no límite dos concellos coruñeses de Cerceda e A Laracha.

Foi a propia afectada quen contactou co 112 Galicia para pedir axuda, pois atopábase atrapada no interior do seu vehículo despois de caer por un desnivel para rematar á beira dun regato. Completamente desorientada, a muller descoñecía con exactitude o lugar no que se atopaba, polo que foron moi útiles as coordenadas da súa localización para poder dar con ela. 

Así, ao lugar acudiron, profesionais do 061-Urxencias Sanitarias e os Bombeiros do Ordes, que, finalmente, descartaron empregar o equipo de excarceración para liberar á condutora, pois lograron sacala do coche por unha das portas laterais. Iso si, houbo que dispoñer dunha escada para saír do terraplén no que caeu a tres metros de profundidade.

Malia á situación na que quedou o vehículo, o estado da muller non revestía gravidade, aínda que foi evacuada ao hospital de referencia para someterse a un recoñecemento médico.

Cómpre sinalar que neste operativo colaboraron as forzas de seguridade e o persoal da Axencia Galega de Infraestruturas, que contribuíron, tamén, na localización do accidente.