Escuchar
mércores, 27 Maio, 2020

Unha muller perdeu a vida e un home resultou ferido está mañá ao colidir o coche no que circulaban contra un camión avariado na N-120, ao seu paso por Quiroga. Por outra banda, o condutor do camión resultou ileso despois do impacto.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os servizos de intervención excarceraron á muller falecida, ao quedar atrapada no interior do turismo por mor do choque, que se produciu ao fío das 10:20 horas.

Foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia do sinistro. Acto seguido, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Quiroga e do Folgoso do Courel, dos Bombeiros de Monforte de Lemos, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Quiroga e dos axentes da Policía Local e da Garda Civil.

A pesar dos esforzos, os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvarlle a vida á muller accidentada.

Coche envorcado en Narón
Ademais, unha muller resultou ferida de consideración ao envorcar o turismo no que viaxaba na estrada que une Ferrol e San Mateo, á altura de Narón. Para liberar á muller accidentada, foi preciso que os bombeiros da localidade utilizaran o material de excarceración.

O sinistro ocorreu preto das 10:55 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar do sucedido.

Decontado, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Narón, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, a muller ferida foi trasladada nunha ambulancia a un centro médico.