Escuchar
sábado, 31 Marzo, 2018

Unha persoa perdeu a vida e outra resultou ferida a causa dunha colisión entre dous turismos na OU-540, ao paso polo Alto do Vieiro, en Verea.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse minutos antes das oito da tarde de onte, cando dous turismos bateron na estrada que une a localidade con Bande.

Como consecuencia do golpe, as vítimas quedaron atrapadas, polo que tiveron que intervir os bombeiros de Celanova, que, finalmente, rescataron ás dúas persoas, unha delas falecida e a outra ferida de diversa consideración.

Ademais dos bombeiros, neste operativo participaron os servizos sanitarios de urxencia, os membros do GES de Muíños e os axentes da Garda Civil de Tráfico.

Colidiu contra unha árbore en Lugo
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou outro accidente en Lugo, onde un vehículo saíuse da vía e bateu contra unha árbore.

Ocorreu ás 20:00 horas de onte en Tirimol, na N-VI, en sentido Lugo. Ata alí acudiron os bombeiros da cidade, que tiveron que rescatar á persoa que quedou atrapada no interior do vehículo.

Ademais, segundo indicaron os axentes da Garda Civil de Tráfico, tras o golpe o coche comezou a arder.

Finalmente, os bombeiros liberaron ao condutor, que foi trasladado polo equipo do 061-Urxencias Sanitarias ao complexo hospitalario de referencia.