Escuchar
sábado, 11 Maio, 2019

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a unha persoa afectada por un incendio declarado no interior dun edificio na Coruña.

O intenso fume acumulado nas escaleiras e as dificultades para saír das vivendas obrigou ao confinamento dos veciños ata a completa extinción do lume orixinado no ascensor.

Foi precisamente a fumareda nos corredores o que puxo en alerta aos habitantes do edificio, que comezaron a chamar ao 112 Galicia cando se aproximaban as 9:30 horas de hoxe. A partir de aí, un operativo formado polos Bombeiros da Coruña, Policía Local e profesionais do 061-Urxencias Sanitarias dirixiuse ao número 38 da Rúa Juan Flórez para atender aos veciños e localizar o foco do incendio. 

Así, unha persoa tivo que ser evacuada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, mentres que os demais ocupantes das vivendas permanecían confinados ata a completa extinción do lume orixinado no ascensor. De feito, o confinamento das persoas evitou o desaloxo e garantiu a seguridade durante a intervención dos bombeiros.