Escuchar
venres, 18 Setembro, 2020

Un viandante foi golpeado na cabeza por unha baldosa que se desprendeu da fachada dun edificio en Vilagarcía.

Ao fío das 19:15 horas de onte, os axentes da Policía Local solicitaron a través do 112 Galicia asistencia médica urxente para o ferido tras recibir o impacto na Rúa General Pardiñas.

Como consecuencia das importantes lesións provocadas polo golpe, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou ao ferido ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Tamén, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilagarcía e de Ribadumia e informaron aos axentes da Policía Nacional e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Sen embargo, non foi este o único suceso destas características que se produciu onte en Vilagarcía de Arousa, xa que, uns minutos antes, sobre as 18:30 horas, o 112 Galicia recibiu outra chamada de alerta por outro derrubamento de parte da fachada doutro edificio situado na Rúa Curros Enríquez. Por fortuna, neste caso, ningunha persoa resultou ferida.

Igualmente, interviñeron os Bombeiros de Vilagarcía, así como os axentes da Policía Nacional, Local e os efectivos do Servizo Local de Protección Civil. Todos acudiron ata o lugar nada mais ser informados polo 112 Galicia co fin de coñecer os feiros e sinalizar a zona.