Escuchar
sábado, 18 Xullo, 2020

Un motorista faleceu esta tarde tras sufrir unha caída mentres circulaba coa súa moto pola DP-1913, a altura do punto quilométrico 7,9, concretamente na parroquia de Coiro, na Laracha.

O sinistro produciuse pasados ás 16:45 horas, tal e como indicou o veciño que contactou co 112 Galicia para dar conta dun grave accidente nese lugar. No seu relato, detallou que había unha persoa ferida tendida sobre a vía.

De seguido, os xestores do 112 Galicia avisaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos membros da Garda Civil de Tráfico, aos axentes da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, os Bombeiros de Carballiño foron informados por se fose necesaria a súa colaboración.

Malia os esforzos do persoal sanitario, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ciclista ferido en Verín
En Verín, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia era informado esta tarde da caída dun ciclista cando circulaba pola ecovía de terra paralela ao Río Tamega. Tras recibir a chamada do alertante, sobre as 14:30 horas, o 112 Galicia informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes a Garda Civil e Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Verín e de Cualedro-Monterrei.

Debido á importancia das lesións que presentaba o ferido, os sanitarios confirmaron ao 112 Galicia a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense.