Escuchar
luns, 15 Xullo, 2019

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta tarde a unha persoa afectada por mor dun incendio declarado nun piso da Rúa Antonio Palacios, no Porriño.

A alerta saltou no 112 Galicia minutos antes das dúas da tarde mediante as chamadas de veciños e viandantes, que vían saír fume por unha fiestra e a dúas persoas tratando de apagar un lume nunha cociña. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios e dos efectivos de extinción do Parque de Bombeiros do Porriño para sufocar as chamas que devoraron por completo unha campá extractora e alcanzaron algúns mobles do arredor.

Ademais, unha das persoas que se atopaban na vivenda no momento de producirse o incendio tivo que ser evacuada debido a unha intoxicación por inhalación de fume. 

En canto ao operativo, cómpre sinalar que o equipo de extinción contou co apoio dos axentes da Policía Local e, desde o 112 Galicia, tamén se informou aos Bombeiros de Vigo.

Incendio nun coche na A-6
Por outra banda, outro incendio, neste caso nun coche, sorprendeu aos condutores que sobre as 15:30 horas da tarde viaxaban pola A-6, ao paso polo concello coruñés de Aranga, en sentido Madrid.

Varias persoas contactaron co 112 Galicia para dar conta da situación, que estaba a dificultar a circulación pola autovía. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos Bombeiros de Betanzos para sufocar o incendio, que arrasou por completo o vehículo e afectou a unha zona de árbores, á beira da vía. Por iso, ademais dos efectivos de extinción, acudiron ao lugar os membros do Distrito Forestal da zona e os membros do GES de Curtis.  

Por fortuna, ninguén resultou ferido e o coche calcinado será retirado polo guindastre.