Escuchar
luns, 21 Outubro, 2019

Unha persoa foi trasladada esta madrugada con síntomas de intoxicación a causa dun incendio producido na cociña da súa vivenda.

Eran preto das 03:30 horas cando unha persoa particular alertou ao 112 Galicia de ver fume nun edificio de catro andares, situado na Rúa de Antonio Palacios, no concello do Porriño.

A partir de aí, os xestores de emerxencias pasaron o aviso aos Bombeiros de Baixo Miño, que decontado se desprazaron ao punto. Tamén, puxeron en alerta ao persoal sanitario, á Garda Civil, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras extinguir o lume, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que ardera parte da campá extractora e dos mobles da cociña dunha das vivendas do edificio. Ademais, confirmaron o trasladado dunha residente ao Centro de Saúde.

Incendio nun edificio en Boiro
Por outra banda, os moradores dun inmoble da Rúa Bao, en Boiro, foron desaloxados por mor dun incendio orixinado no  establecemento comercial situado no baixo do edificio.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, unha vez rematada a intervención por parte dos servizos de emerxencia, os residentes puideron retornar ás súas vivendas. Ardeu o falso teito e  parte do inmobiliario do local, sen causar danos persoais.

Todo comezou ás 6:00 horas da madrugada de hoxe cando o 112 recibiu o aviso dun lume nun baixo comercial. Ademais dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira e dos axentes da Garda Civil, ata o lugar dos feitos desprazáronse, tras ser alertados polos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, membros de Protección Civil da localidade e Policía Local.