Escuchar
venres, 29 Maio, 2020

Unha frixideira esquecida ao lume foi a causa dun incendio nunha casa en Oleiros. Os equipos de extinción confirmaron que o lume consumiu diversos mobles da estancia onde o incidente tivo inicio e que as demais dependencias se viran afectadas polo fume e polas altas temperaturas.

Os feitos tiveron lugar ás 16:00 horas. Nese momento, varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dun lume nunha casa da Rúa Illa Portelo, na parroquia de Maianca. Segundo a información facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, as lapas expandíanse rapidamente impulsadas polo aire que entraba polas ventás. Ademais, malia que os moradores atopábanse fóra do inmoble, no seu interior había bombonas con combustible almacenadas.

Decontado, desde o 112 solicitouse a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Oleiros, do Servizo Municipal de Protección Civil e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Ao finalizar as labores de extinción, tras atallar as lapas e ventilar a casa, os equipos de emerxencia confirmaron que unha persoa foi atendida no lugar por inhalación de fume.

Incendio nunha cociña en Cangas
Á mesma hora, os xestores do 112 Galicia foron informados doutro incendio, tamén provocado por unha frixideira esquecida ao lume, nunha vivenda situada na Rúa Mendez Nuñez, no concello pontevedrés de Cangas, sen que se rexistrasen danos persoais.

Foron os membros de Protección Civil da localidade quen informaron dos feitos ao 112 Galicia. No seu relato, afirmaban que foron requiridos por unha persoa particular que solicitaba axuda para conter un lume que estaba consumindo a súa cociña.

Desde o CIAE pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e do Morrazo e aos axentes da Policía Local.

Tras rematar a intervención, os equipos de emerxencias confirmaron que o incendio afectou á campá extractora e os mobles lindeiros.