Escuchar
sábado, 24 Outubro, 2020

Un home que viaxaba nun turismo, o copiloto, perdeu a vida a pasada noite despois de saírse da vía o vehículo no que circulaba en Caldas de Reis. Ademais, outro varón, o condutor, resultou ferido de consideración no accidente.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os dous ocupantes do coche tiveron que ser excarcerados polos Bombeiros do Salnés, ao quedar atrapados no interior do turismo e, unha vez liberados, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento do copiloto. Por outra banda, o home que conducía o vehículo foi atendido das feridas de consideración que presentaba.

O sinistro produciuse no punto quilométrico 228 da N-640, preto das 2:00 horas. Nese momento, varias persoas particulares alertaron ao 112 Galicia dos feitos.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Local, dos Bombeiros do Salnés, da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Caldas de Reis e do servizo de mantemento da estrada.