Escuchar
Jueves, 7 Febrero, 2019

Os servizos de emerxencias localizaron esta noite o corpo sen vida dun nonaxenario despois de activarse unha alerta por incendio no interior da súa vivenda. 

Ocorreu preto das once da noite nun piso da Ronda de Outeiro, na Coruña. Alí acudiron os axentes da Policía Nacional e os bombeiros da cidade, quen atoparon o cadáver do home que xacía no interior. Ademais, o incendio arrasou por completo dous cuartos e o resto da vivenda afectouse por mor da acumulación de fume.

Foi unha veciña quen a través da súa chamada ao 112 Galicia avisou dunha nube de fume no espazo das escaleiras sen poder identificar a súa procedencia. Non obstante, lembrou que un home duns 90 anos habitaba no piso noveno, onde parecía acumularse máis fume. Efectivamente, os equipos de extinción localizaron o incendio no piso, no que tamén atoparon o cadáver do seu inquilino.

Igualmente, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios de urxencia, pero nada puideron facer por salvar a vida do home e, de momento, analízanse as circunstancias do seu falecemento.