Imaxe escoitar Escuchar
Jueves, 12 Septiembre, 2019

Un incendio declarado esta madrugada no exterior nunha nave de reciclaxe de vehículos mobilizou aos servizos de emerxencia. Segundo informaron os Bombeiros arderon, por completo, catro turismos e outros dous resultaron parcialmente afectado.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do incendio ao fío das 02:30 horas, grazas á chamada de alerta dunha persoa particular. Indicaba que ardían varios vehículos nunha nave situada no Polígono da Granxa, no Porriño.

Axiña, os xestores de emerxencias poñían o suceso en coñecemento dos Bombeiros do Porriño e de Vigo, dos axentes da Garda Civil, Policía Local e do persoal sanitario, por se fose precisa a súa intervención. Ademais, solicitouse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Preto das 03:30 horas, os Bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que o incendio quedara totalmente extinguido.

Incendio nunha vivenda
Por outra banda, o CIAE tivo constancia a pasada tarde, uns minutos despois das 19:00 horas, doutro incendio nunha vivenda dun edificio de catro andares, situado na Rúa Coruña, en Monforte de Lemos. Ao igual que no caso anterior, non houbo que lamentar danos persoais aínda que si foi necesario o desaloxo dunha das vivendas do inmoble, habitada por un matrimonio e os seus dous fillos.

O alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda indicaba que ardía a caldeira de gasóleo nun piso e que non había persoas afectadas. Así, con estes datos, xestores do 112 puxeron en alerta aos Bombeiros de Monforte, que decontado se desprazaron ao punto. Así mesmo, informaron á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, unha vez extinguido o lume, os Bombeiros confirmaron que ardeu un quentador de butano  e o mobiliario do redor, posiblemente, a causa dunha fuga de gas.

Técnicos da empresa subministradora deste gas, tras ser alertados polo 112 Galicia, encargáronse da reparación da avaría e a familia desaloxada puido volver á súa vivenda.

facebook twitter instagram