Imaxe escoitar Escuchar
Sábado, 18 Enero, 2020

Unha persoa perdeu a vida e outras dúas resultaron feridas, unha delas de consideración, ao colidir un turismo contra a cabina da peaxe da AP-9F de Guísamo, en Bergondo.

O sinistro produciuse ás 11:30 horas desta mañá. Foi a esa hora, cando varios usuarios da vía solicitaban ao 112 Galicia asistencia sanitaria urxente por mor dun coche que colidiu contra a peaxe da autovía. Indicaban que no interior do vehículo e na cabina, posiblemente, habería persoas atrapadas.

Axiña, nada máis ser alertados polo 112 Galicia, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os Bombeiros de Betanzos, desprazáronse ata ao lugar. Así mesmo, solicitouse a intervención dos voluntarios de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da autoestrada.

A pesar dos esforzos do equipo médico desprazado no lugar, finalmente, confirmaban ao 112 Galicia o falecemento da copiloto do vehículo. Tanto o condutor como a traballadora foron evacuados polos profesionais sanitarios ata o centro hospitalario de referencia.

Saída de vía
A primeira hora da mañá, unha persoa resultou ferida tras sufrir unha saída de vía en As Pontes.

Foi, ás 09:00 horas, cando o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular, para pedir axuda. Indicaba que acabada de atopar un vehículo que sufrira unha saída de vía na estrada de San Miguel de Insua, despois da capela, no concello coruñés de As Pontes.

Tras o aviso, de inmediato, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron en alerta ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén, foron informados os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira, os axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Ortigueira e da localidade.

Debido á gravidade da situación, un helicóptero medicalizado do 061 tamén se desprazou ata o lugar para a atención do ferido.

facebook twitter instagram