Escuchar
Domingo, 12 Abril, 2020

Dúas familias tiveron que ser desaloxadas das súas casas na tarde de onte a culpa do mal estado dun edificio en ruínas localizado na Rúa de Cataluña, en Vigo. Por seguridade, os servizos de emerxencia optaron por evacuar as persoas das súas vivendas debido a un desprendemento no seu interior.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 19:00 horas da tarde de onte mediante a chamada de alerta dun veciño, morador do inmoble estremeiro. Segundo a información facilitada, escoitábase moito ruído desde o interior dun edificio deshabitado próximo a súa vivenda.

Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local.

Ao presentarse no local dos feitos, os servizos de emerxencia confirmaron que houbo un derribe e procederon a valorar a estrutura da edificación xunto aos técnicos municipais. Por precaución, optaron por desaloxar os inmobles lindeiros, un edificio de dous andares e outro de tres.

Afortunadamente, ninguén resultou ferido e o inmoble afectado está baixo vixilancia. Ao longo do día de hoxe se valorarán os posibles danos e tamén as medidas necesarias para garantir a seguridade na zona.