Alertas activas:

Escuchar
Miércoles, 12 Agosto, 2020

As fortes chuvias rexistradas nas últimas horas provocaron máis dun cento de incidencias, maioritariamente, de escasa importancia.

Segundo a información recollida polo 112 Galicia, a maior parte das intervencións estiveron relacionadas coa formación de bolsas de auga nas estradas e a caída de árbores. Tamén houbo anegamentos puntuais en baixos, garaxes e vivendas, que, no caso do concello de Barreiros, necesitaron da intervención dos bombeiros debido ao desbordamento do río, preto da Praia de Arealonga.

Con todo, ninguén resultou ferido e os servizos de emerxencias foron facendo fronte ás distintas incidencias causadas pola situación meteorolóxica adversa.

Así, desde a tarde de onte e ata as doce deste mediodía, o 112 Galicia rexistrou 120 incidencias, que se repartiron da seguinte maneira pola xeografía galega: 47 na Coruña, 30 en Lugo, 29 en Ourense e 14 en Pontevedra.

Con diferencia, a situación máis repitida, especialmente durante esta mañá, foron os anegamentos en rúas e a formación de bolsas de auga nas estradas, así como a caída de árbores e os anegamentos en vivendas. De feito, o concello de Barreiros, en Lugo, rexistrou algunhas incidencias na parroquia de Reinante, que obrigaron a intervir ao equipo de bombeiros situado na localidade por mor da entrada de auga en baixos, garaxes e vivendas pola crecida do río.

Ademais, en Curtis, un vehículo quedou atrapado por unha bolsa de auga no Polígono de Teixeiro. Por fortuna, a persoa que ía no interior resultou ilesa e foi rescatada polos servizos de emerxencias. Con todo, viu como a auga alcanzaba as súas pernas.