Imaxe escoitar Escuchar
Viernes, 16 Octubre, 2020

O 112 Galicia rexistrou esta mañá un accidente de tráfico no que deberon intervir os bombeiros para liberar ao ocupante, atrapado por unha perna.

Sucedeu preto das nove de hoxe nos Camiños Chans, en Cee, tal e como indicou a persoa que chamou ao número de emerxencias para informar da situación.

En concreto, o turismo no que viaxaba o ferido bateu contra un camión que estaba estacionado. Como consecuencia do impacto, o coche envorcou de lado e o ocupante quedou atrapado no interior por unha perna, o que obrigou a intervir aos Bombeiros de Cee para liberar ao ferido e facilitar a atención por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Finalmente, o ferido foi evacuado ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, mentres que da limpeza dos restos do accidente tamén se encargaron os bombeiros. Deste xeito, restablecéronse as condicións de seguridade na vía, que permaneceu cortada en ambos os dous sentidos o tempo que duraron os traballos de asistencia e mantemento.

Cómpre sinalar que neste operativo contouse, tamén, coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

facebook twitter instagram