Escuchar
Jueves, 10 Junio, 2021

Pouco antes das once e media desta mañá, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba de que unha persoa acababa de ser atropelada por un camión na rúa Progreso, en Melide.

No transcurso desta chamada, o propio alertante, a través dos xestores de emerxencias, contactou cos axentes da Policía Local, que xa estaban no punto. Comunicaban que a persoa atropelada non estaba atrapada, pero si precisaba asistencia médica.

Decontado, o CIAE 112 deu aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago para o traslado da persoa.

Ademais, dende o 112 Galicia tamén se informou, por se fose precisa a súa intervención, aos Bombeiros de Arzúa e a Protección Civil de Melide.

Dous ciclistas feridos en Bueu
Por outra banda, un choque entre dous ciclistas na parroquia de Beluso, en Bueu, obrigou a trasladar a un deles ao centro hospitalario de referencia.

O 112 Galicia recibiu o aviso, por parte de Protección Civil da localidade, pasadas as dez e media desta mañá. Os membros da agrupación de voluntarios comunicaban que dous ciclistas bateran coas súas bicicletas na estrada PO-315, ao seu paso polo municipio pontevedrés.

Nada máis coñecer esta información, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia mobilizouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061 e deuse aviso tamén aos Bombeiros do Morrazo e á Garda Civil de Tráfico.

Finalmente, Protección Civil aseguraba que un dos ciclistas estaba ferido e tivera que ser evacuado en ambulancia, pola súa parte, o outro ciclista implicado non precisou ser trasladado.