Imaxe escoitar Escuchar
Lunes, 19 Julio, 2021

Unha das persoas implicadas nun accidente de tráfico entre dous coches, no concello de Teo, tivo que ser excarcerada polos equipos de emerxencia.

O sinistro tivo lugar a poucos minutos das cinco da tarde, na estrada comarcal AC-841, sobre o punto quilométrico 10. Esta foi a información que varios particulares lle brindaron aos operadores do 112 Galicia, cando chamaron para solicitar asistencia médica e axuda para unha das persoas accidentadas. Así, as testemuñas aseguraban que a raíz do choque quedara atrapada unha persoa no interior do vehículo no que circulaba.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertouse aos Bombeiros de Ordes, aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Teo . Ademais, tamén se lle facilitaron os datos aos Bombeiros de Santiago e aos membros do GES e de Protección Civil da Estrada.

Unha vez acabadas as labores de liberación no lugar, os membros do GES da Estrada indicaron que excarceraran a unha muller, condutora dun dos turismos implicados no accidente.

Para restablecer a seguridade na vía, desde o 112 tamén se informou ao persoal de mantemento da estrada.

Atropelo a un menor nas Pontes
Por outro lado, un rapaz tivo que ser trasladado ao sufrir un atropelo na Rúa Doctor José Varela González, nas Pontes de García Rodríguez.

Foi un particular quen lle deu, ás catro da tarde, o aviso ao 112, desde onde se alertou aos servizos sanitarios, á Policía Local, aos Bombeiros do Eume e a Protección Civil da localidade. 

Finalmente, os medios desprazados aseguraran que o menor foi trasladado polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

Saída de vía dun camión en Guitiriz
O 112 Galicia tamén foi coñecedor da saída de vía dun camión na autovía A-6, no punto quilométrico 528, nos carrís de sentido Coruña.

As persoas que informaron do sinistro, a pouco de dar as seis da tarde, indicaban que acababan de ver caer un camión por un barranco pero que o camioneiro xa estaba fóra do vehículo.

Así, desde o CIAE-112 facilitáronselle os datos aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia - 061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Vilalba e a Protección Civil. Tamén tiveron constancia do suceso o Centro de Xestión de Tráfico e o persoal de mantemento da vía.

Ao final, o 061 confirmou o traslado dunha persoa ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

facebook twitter instagram