Escuchar
Jueves, 23 Junio, 2022

Dous accidentes de tráfico rexistrados en Ares e Cangas deixan un balance de catro motoristas feridos.

O 112 Galicia recolleu información sobre ambos os dous sinistros, que se produciron entre as últimas horas do día de onte e as primeiras da madrugada.

Así, en Ares, despois da unha desta mañá, un motorista saíu despedido do seu vehículo logo de bater contra o mobiliario urbano no lugar de Lubre. Malia o impacto, o ferido foi evacuado ao centro hospitalario máis próximo consciente.

Ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, acudiron ao accidente os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico. De feito, foron os voluntarios quen localizaron ao motorista, pois a testemuña do accidente que chamou ao 112 asegurou que o vehículo estaba tirado coas luces acendidas pero sen rastro do condutor. Posteriormente, os membros da agrupación aresa atoparon ao ferido que saíra despedido como consecuencia do impacto.

Por outra banda, en Cangas, pouco antes das oito da tarde de onte, tres motoristas sufriron diferentes lesións tras vérense implicados nunha colisión entre dúas motos na Avenida da Coruña.

Un veciño, que presenciou o choque desde a fiestra da súa casa, contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Así, avisouse a un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico e aos membros do servizo local de Protección Civil.