Imaxe escoitar Escuchar
Miércoles, 29 Junio, 2022

O 112 Galicia rexistrou un accidente cun motorista implicado, que saíu despedido tras bater cun turismo na PO-403, en Fornelos, Salvaterra.

Segundo a información recibida a través da chamada de alerta dunha persoa particular, o sinistro produciuse pasadas as oito da tarde de onte, cando o impacto entre os dous vehículos provocou que o condutor da moto caese a un prado lindeiro.

Para asistir ao ferido, o persoal do 112 solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron á zona unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense debido a importancia das lesións que presentaba e co fin de axilizar o seu traslado.

Ademais, foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, os membros do GES-SPEIS de Ponteareas e os voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.

Igualmente, avisouse ao persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestructuras ante a necesidade de retirar os restos do choque e recuperar a seguridade vial.

Ciclista accidentado en Dumbría
Por outra banda, a pasada noite, o persoal do 112 Galicia xestionou a chamada de axuda dun ciclista, que sufriu unha caída cando descendía o porto do Ézaro, en Dumbría. 

Sucedeu preto das 23 horas, tal e como puido explicar o propio afectado mediante a súa comunicación co número único de emerxencias. Segundo explicou, o golpe provocoulle unha forte dor nas costas, polo que necesitaba asistencia médica. Deste xeito, avisouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 co fin de efectuar o traslado do doente ao centro médico máis próximo.

Tamén foron informados os axentes da Garda Civil e os Bombeiros de Cee, aínda que, descartaron intervir en canto comprobaron que o ciclista estaba xa atendido polo equipo da ambulancia.

facebook twitter instagram