Escuchar
Sábado, 2 Julio, 2022

Foi precisa a intervención dos Bombeiros de Monforte e do GES de Folgoso para evacuar ao ferido tras caer por unha pendente moi escarpada.

Ao fío das 10:00 horas de hoxe unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para solicitar medios sanitarios para unha persoa que caera desde unha altura e presentaba dificultades de acceso, no lugar de Lousadela, en Seceda, concretamente, na LU-P-1306, no concello lucense de Folgoso do Courel.

Así, tras recibir a chamada do alertante, o 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo de intervención no que interviñeron ademais dos medios sanitarios, os Bombeiros de Monforte, os membros do GES de Folgoso do Courel, a Garda Civil e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección da localidade.

Así mesmo, ata o lugar tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que o persoal sanitario derivou ao punto.

Segundo informaron os Bombeiros, o home, caído por un terraplén duns 25 metros de altura, atopábase á beira do río Lóuzara. Foi preciso o uso de cordas e unha padiola-nido para o rescate.

Así, nada mais ser rescatado, unha ambulancia trasladou ao ferido ata o lugar onde o helicóptero tomou terra para, posteriormente, derivalo ao Centro Hospitalario Universitario Lucus Augusti.