Escuchar
Jueves, 11 Agosto, 2022

O accidente produciuse contra as dúas desta tarde na PO-250, en Reboreda, Redondela.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, un coche adaptado envorcou e deixou ao ocupantes sen posibilidades de acceso. 

Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, que, de forma conxunta, lograron sacar a persoa do interior do coche para facilitar, canto antes, a atención médica. 

De feito, os voluntarios de Protección Civil da localidade, que tamén acudiron ao lugar do accidente tras o aviso do 112 Galicia, indicaron que o ferido presentaba lesións importantes das que conviña a súa observación e tratamento urxente.

Así, unha vez fóra do vehículo, o ocupante foi trasladado por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Cómpre indicar que este operativo contou tamén co apoio dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

Bate contra un farol e tira varios sinais en Baiona
Dentro da mesma área de Vigo, concretamente en Baiona, o 112 Galicia rexistrou esta tarde outro accidente de tráfico, no que resultou ferida unha persoa e producíronse numerosos danos no mobilizario urbano. De feito, caeu un farol sobre o propio vehículo e levou por diante varios sinais. 

Para atender á persoa afectada, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como dos membros do GES de Val Miño e dos axentes da Policía Local.

O sinistro rexistrouse ás 14:30 horas de hoxe na Avenida de Sabarís.