Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Excarcerado o condutor dun turismo tras envorcar despois de saírse da vía en Ourense

Os servizos de emerxencias acudiron esta madrugada ata a Rúa de Rabo de Galo, en Ourense, para rescatar a un home que resultou ferido ao envorcar o coche no que viaxaba.

Foron varios os particulares que chamaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia para informar do accidente, ao fío da 1:30 horas da madrugada de hoxe. O vehículo saíuse da vía cando circulaba pola N-525 e  envorcou, dificultando o acceso ao único ocupante do turismo.

Alertados polos xestores do 112 Galicia, acudiron ao lugar do sinistro os servizos sanitarios, os Bombeiros de Ourense, a Policía Local e o servizo de mantemento da estrada. Os membros de Protección Civil da localidade tamén foron alertados por se fose necesaria a súa intervención.

Finalmente, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron que foi necesario o uso do material de excarceración. Unha vez liberado, o condutor ferido foi evacuado ao centro hospitalario de referencia polo persoal sanitario.

facebook twitter instagram