Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Apagado un incendio orixinado nunha nave de madeiras en San Sadurniño

Pasadas as 9 horas desta mañá, os servizos de extinción informaban de que o lume, que afectou á caldeira de biomasa situada na cuberta das instalacións, estaba apagado. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida.

Foi o persoal da fábrica afectada, situada en Naraío, o que alertou ao 112 Galicia minutos antes das 7 horas da mañá, e explicaba que ardía unha caldeira de combustible. Xa no transcurso da chamada, os alertadores confirmaban que non se produciran danos persoais.

Inmediatamente, os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a modo preventivo, dos Bombeiros do Eume, Ferrol e Narón, dos axentes da Garda Civil e do persoal do Distrito Forestal da zona. Ademais, informouse ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia para monitorizar a situación, poñéndose en alerta á súa vez ao Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, que non chegaría a saír.

Ante a potencial gravidade da situación, os servizos de emerxencias desprazáronse con celeridade ata o punto. Pouco despois, confirmaban que o tanque de combustible estaba na cuberta da nave, a máis de dez metros de altura, o que provocou que os bombeiros tiveran que traballar cos seus vehículos de altura.

Unha vez finalizada a intervención, o persoal dos Bombeiros indicou ao 112 que afectara á caldeira, así coma aos controis exteriores e aos cables.

Finalmente, os técnicos das autoridades medioambientais da Xunta de Galicia realizaron as tarefas de control pertinentes, descartando risco para a poboación.

Arde un faiado en Gondomar sen causar danos persoais
Por outra banda, un incendio nun faiado obrigou a mobilizar aos equipos de extinción ata unha vivenda localizada no concello pontevedrés de Gondomar.

A situación tivo lugar poucos minutos antes das dez horas da noite de onte, na parroquia de Chaín, e foi unha persoa particular quen chamou ao 112 Galicia para informar que ardía unha casa no lugar do Castelo. No seu relato, indicaba que non había persoas afectadas polo lume.

Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos Bombeiros do Porriño e dos membros do GES de Val Miñor. Unha vez no lugar, os servizos de emerxencia procederon a arrefriar a zona afectada e confirmaron que, por mor da intensidade das lapas, o tellado da vivenda colapsou e o faiado ardeu por completo.

Cómpre indicar que, ata o lugar do suceso, tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil e da Policía Local, co fin de coñecer as circunstancias que provocaron o suceso. Ademais, desde o 112, pasouse aviso aos Bombeiros de Vigo e aos efectivos de Protección Civil de Val Miñor, por se nalgún momento fose necesaria a súa colaboración.

Os dous ocupantes dun vehículo resultan feridos en Pobra de Trives tras caer por un barranco

Dúas persoas resultaron feridas despois de precipitarse por un barranco o vehículo no que viaxaban. 

O accidente ocorreu ao fío das 08:00 horas desta mañá cando o turismo circulaba pola estrada que une as localidades de Castro Caldelas e Trives, á altura de Pena Folenche, en Pobra de Trives. Foi un particular, quen a esa hora, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, Indicaba que un coche acababa de caer por un barranco e que non vira saír aos ocupantes do seu interior.  Ademais, engadía no seu relato que parecía que o coche fumeaba. 

Con estes datos, decontado se pasou aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos axentes de Tráfico, aos membros do GES de Castro Caldelas e de Protección Civil da localidade. Debido á importancia do accidente, persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia a saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Tras chegar ao lugar, os efectivos de Protección Civil confirmaron que o coche non ardía e que había dúas persoas no seu interior. Puideron sacar ao home do vehículo e tiñan que sacar á muller pola pola porta do condutor ao non abrir a do acompañante.Ademais, o terreo onde quedou o coche, no medio dun canal, dificultaba aos servizos de emerxencia chegar cos medios de excarceracion.

Nestes intres, os servizos de emerxencia continuan no lugar do sinistro traballando na evacuación dos feridos. 

Dous feridos en Mos
Por outra banda, esta madrugada, dez minutos antes das 04:00 horas, dúas persoas resultaban feridas ao colidir frontalmente dous turismos que circulaban pola A-55, antes da saída de Porteliña, ao seu paso por Mos. Nada mais recibir a chamada de alerta dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Baixo Miño e aos efectivos de Protección Civil. Así mesmo, os xestores de emerxencias informaron dos feitos aos Bombeiros de Vigo. 

Unha vez no lugar, os Bombeiros de Baixo Miño indicaron que non foi preciso o uso do material de excarceración e confirmaron o traslado de dous feridos ao centro hospitalario de referencia. A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia, que se encargou da limpeza vía. 

Activados os mecanismos de protección por unha vertedura de xurro no río Asma, en Carballedo

Desde o 112 Galicia informouse aos Concellos de Carballedo, no que se orixinou a vertedura, e de Chantada para que adopten as medidas de prevención e realicen as comprobación necesarias para garantir a correcta e segura subministración de auga á poboación.

Un particular informou ao 112 Galicia dunha importante vertedura de xurro no río Asma, no Concello de Carballedo. Na chamada, que se realizou ás 18:30 horas do día de onte, alertaba da posibilidade de que se tivera espallado ao longo de varios quilómetros.

Desde o 112 Galicia informouse aos axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica, ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia, así como ao persoal da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballedo.

Localizada a vertedura polos axentes da Garda Civil, indicaban ao 112 que non acadara a zona que o Concello de Chantada empregaba para o subministro de auga, pero a extensión da mancha facía necesaria a toma de medidas preventivas e de control, algo que levaron a cabo desde o propio concello lucense.

A salvo un home que navegaba nun Kayak en Ribeira

Unha embarcación de Salvamento rescatou onte, san e salvo, a un home que navegaba co seu kayak fronte á praia de Coroso, en Ribeira.

Foi o mesmo implicado, quen, ao fío das 20:00 horas da tarde pasada, pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que se atopaba fronte as bateas, onde a Illa do Faro,  estaba moi canso e non podía continuar.

Foi nese momento, cando os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo, que decontado enviou unha embarcación para facer o rescate. Así mesmo, informouse ao Servizo de GardaCostas de Galicia, á Policía Nacional, e aos membros do Grupo de Apoio de Emerxencias Municipal (GAEM) e de Protección Civil de Ribeira. Ademais, púxose en alerta ao persoal sanitario por si fose precisa a súa intervención.

Finalmente, a embarcación Salvamar Sargadelos rescatou ao home, con síntomas de esgotamento,  e trasladouno ata o Porto de Ribeira onde o agardaba unha ambulancia do 061 para trasladalo ata o Hospital do Barbanza.

Rescate en Vilagarcía
Tamén, en Vilagarcía, case á mesma hora, o 112 Galicia recibía a chamada dun particular que informaba dunha muller nadando cara o Porto, no medio do Canal, na praia da Concha-Compostela, e pedindo axuda. De inmediato, informouse  a Salvamento Marítimo, que puxo en marcha o operativo de rescate. Do mesmo xeito, desde o 112 Galicia informouse ao 061-Urxencias Sanitarias, ao Servizo de GardaCostas de Galicia, á Policia Nacional e  Local e aos efectivos de Protección Civil.

Minutos despois, a muller, foi rescatada por unha embarcación de Salvamento que a trasladou ata o Peirao de Vilagarcía onde a agardaba unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias. 

facebook twitter instagram