Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os efectivos do GES de Valdeorras sacan da auga o corpo sen vida dun home

O cadáver foi localizado, aboiando na auga, no Paseo do Malecón.

Pouco despois das nove da noite pasada, os axentes da Garda Civil solicitaron a través do 112 Galicia a colaboración dos equipos de rescate para recuperar o corpo sen vida dun home, que flotaba na auga.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisouse aos Bombeiros e aos membros do GES de Valdeorras. 

Á chegada do equipo procedente do parque comarcal de bombeiros, comprobaron que o corpo estaba xa fóra da auga coa axuda dos efectivos do GES.

Pola súa banda, as forzas da orde continuarán coas investigacións necesarias.  

Os bombeiros interveñen para liberar a unha persoa atrapada nun furgón tras unha colisión na A-52 en Riós

Os efectivos do parque comarcal de Verín confirman que a persoa está consciente, pero que as labores de rescate se complican debido á situación na que quedou o furgón.

Concretamente, o vehículo encaixouse contra a parte saínte do tráiler, contra o que colidiu por alcance. 

Os feitos ocorreron ás 7:30 horas de hoxe no quilómetro 138 da A-52 en sentido Vigo, ao paso polo concello ourensán de Riós. 

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso mediante as chamadas recibidas de distintas persoas particulares, testemuñas da colisión por alcance: un furgón contra un tráiler. Para atender aos posibles feridos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos necesarios para a chegada do axuda axeitada. Neste caso, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviaron unha dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense, e os axentes da Garda Civil de Tráfico. Tamén foron alertados os membros do GES da Gudiña, quen avisaron da situación dun dos ocupantes do furgón, e os Bombeiros de Verín, que proceden ao rescate.

No interior do furgón viaxaban tres persoas, as tres ocupaban os asentos dianteiros, dos cales dous resultaron feridos a causa do accidente. Un deles, quen quedou atrapado, foi evacuado no helicóptero medicalizado tras a súa liberación, mentres que o compañeiro foi trasladado nunha ambulancia. En canto ao terceiro ocupante e o condutor do camión, resultaron ilesos.

Coche nun prado en Sober
Por outra banda, o 112 Galicia recibiu información sobre outro sinistro. Neste caso, en Sober, concretamente na LU-903, en Doade. Tratouse dun turismo que se saíu da vía e foi parar a un prado. Cando chegou o guindastre, o seu condutor observou que a persoa que estaba dentro do vehículo, liberada e accesible, estaba inconsciente.

Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 xa tiñan coñecemento do suceso e enviaron un equipo ao lugar do accidente. No turismo ía unha segunda persoa, que, segundo indicou o persoal médico, podería estar baixo os efectos do alcol. 

Desde o 112 Galicia tamén se avisou aos Bombeiros de Monforte e aos axentes da Garda Civil de Tráfico co fin de coñecer todos os datos sobre este accidente, que se produciu contra as sete desta madrugada.

Recuperado o corpo dun home que flotaba en Fene

O corpo sen vida dun home foi recuperado a pasada tarde cando flotaba na auga na zona de San Valentín, no concello ferrolano de Fene.

O 112 Galicia tivo constancia do sucedido, tras o aviso da Policía Local da localidade, ao fío das 20:30 horas.

Decontado, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia informou a Salvamento Marítimo, desde onde se enviarían unha embarcación, e o servizo de Gardacostas de Galicia. Ademais, solicitouse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos axentes da Garda Civil e voluntarios de Protección Civil de Fene.

Finalmente, os servizo de salvamento confirmou ao 112 Galicia que o corpo sen vida foi rescatado da auga por unha das embarcación mobilizadas. De momento, descoñécense as circunstancias da morte.

Un home resulta ferido tras caerlle enriba a pluma dun tractor en Culleredo

O brazo do vehículo caeulle sobre o tórax e provocoulle diversas lesións.

Ocorreu ás nove da noite de onte nunha vivenda particular do lugar de Travesía de Outeiro, tal e como indicou a persoa que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.

O tractor estaba estacionado nesta propiedade cando sen chegar a envorcar nin moverse a pluma desprendeuse e caeu sobre un home duns sesenta anos de idade. A peza golpeoulle directamente o tórax e provocoulle lesións das que sería tratado no Hospital da Coruña (CHUAC). Alí foi trasladado pola dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Neste operativo tamén participaron os axentes da Garda Civil e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil. 

Finaliza sen feridos un incendio rexistrado nunha vivenda en Salvaterra

Os equipos de emerxencias foron mobilizados por un incendio rexistrado esta pasada noite no exterior dunha vivenda situada na parroquia pontevedresa de Alxén, en Salvaterra de Miño. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais.

Segundo a información facilitada, o lume comezou uns minutos antes das 21:00 horas. Foi nese intre cando axentes da Garda Civil contactaban co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. Os axentes explicaban que o incendio orixinouse na fachada dunha casa por mor dunhas bombonas de gas.

Para facer fronte ao lume, desde o 112 Galicia, informouse aos Bombeiros de Baixo Miño e de Ponteareas.

Segundo explicaron os efectivos do servizo de extinción, o incendio calcinou parte da estrutura da vivenda e, por completo, varios obxectos e aveños que se almacenaban.

facebook twitter instagram