Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa falece en Arteixo a causa dun incendio producido na súa vivenda

Unha persoa faleceu esta madrugada en Arteixo, posiblemente por inhalación de fume, a causa dun incendio producido na súa vivenda, situada na Avenida Manuel Platas Varela, en Oseiro.

A estrutura da vivenda non se viu afectada pese á acumulación da carga térmica existente e que a encheu de fume. Iso si, ardeu diverso material que a vítima almacenaba no seu interior. Así o comunicaban os Bombeiros ao 112 Galicia cando procederon coas tarefas de ventilación, unha vez extinguidas as lapas

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do lume ao fío das 04:20 horas desta madrugada, grazas á chamada dun particular que aseguraba ver saír fume da cuarta planta dun edificio. No seu relato indicaba que nesa planta había dous pisos, un deles habitado.

Con estes datos, os xestores do 112 puxeron en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Arteixo, 061-Urxencias Sanitarias, Garda Civil, Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade.

Tras chegar ao punto, os Bombeiros confirmaban a existencia da persoa falecida nun ático, baixo a gran cantidade do material que a vítima almacenaba. Indicaban, ademais, a necesidade de  baleirar o inmoble para lograr a total extinción do lume e poder ventilar para evitar que se reavivara.

Arde unha embarcación en Sanxenxo
Ademais, ao redor das 02:00 horas tamén desta madrugada, o CIAE 112 Galicia tivo constancia doutro incendio. Neste caso, tratouse dunha embarcación que ardeu por completo no interior dunha finca situada no lugar de Soutullo, na parroquia de Noalla.

A esa hora, o alertante que chamou ao 112 Galicia para informar do suceso asegurou que non había persoas afectadas, tamén, do risco que podían ocasionar as lapas debido á proximidade do alumeado público. Por iso, decontado, os xestores de emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos bombeiros do Salnés e dos membros do GES da localidade. Así mesmo, informouse da situación aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.

Tras rematar as tarefas de extinción os bombeiros comunicaron ao 112 Galicia que a embarcación ardeu na súa totalidade.