Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha saída de vía en Xinzo deixa ao ocupante dun turismo atrapado no seu interior

Os Bombeiros de Xinzo excarceraron esta mañá a unha persoa que quedou atrapada no interior dun turismos tras saírse da vía ao seu paso pola localidade de Xinzo de Limia.

No momento de producirse o accidente, o vehículo circulaba ao redor do punto quilométrico 2.500 da estrada que vai do Pavillón de Deportes aos Blancos, no lugar de Parada de Ribeira.

Tras recibir a alerta dun particular, pasadas 08:30 horas de hoxe, o 112 Galicia informou do suceso ademais de ao persoal sanitario, aos Bombeiros, á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e Protección Civil da localidade.

Unha vez liberada a persoa, os servizos sanitarios de urxencia encargáronse da súa evacuación.

Saída de vía en Santiago
Ademais, uns minutos despois, sobre ás 09:00 horas, o 112 Galicia era informado doutra saída de vía na AC-261, no punto quilométrico 6, en Santiago de Compostela. Neste caso, o alertante que chamou ao 112 para pedir axuda, indicou que o seu ocupante non precisaba asistencia sanitaria pero debido á posición na que quedou o turismo, necesitábase axuda para que a persoa puidese saír.

Aínda así, con estes datos, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso aos servizos sanitarios. Do mesmo xeito, informaron aos Bombeiros de Santiago, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e aos membros de Protección Civil.

Finalmente, os bombeiros non tiveron que intervir posto que un ciclista que circulaba por dita estrada axudou á muller a saír do vehículo, que por precaución, foi trasladada ao Centro de Saúde da localidade.

Un home evacuado por inhalación de fume nun incendio en Sada

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron a pasada noite a un home con síntomas de intoxicación por mor dun incendio rexistrado na súa vivenda, situada na Rúa Xoán Vicente Viqueira, no concello coruñés de Sada.

Foi a chamada dunha persoa particular a que alertaba ao 112 Galicia do suceso pasados uns minutos das 19:30 horas. No seu relato indicaba que vía saír fume dunha das vivendas do edificio. A partir de aí varios alertantes informaban do mesmo incendio ao 112 Galicia.

De contado, os xestores de emerxencias deron conta dos feitos aos Bombeiros de Betanzos que axiña se desprazaron ata ao lugar. Así mesmo, aínda que os alertantes indicaron que non había xente no interior da suposta vivenda afecta, por precaución, informouse da situación aos servizos sanitarios de urxencia, que tamén mobilizaron unha ambulancia. Os axentes da Policía Local e de Protección Civil da localidade tamén formaron parte do operativo.

Finalmente, persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 comunicaron ao 112 Galicia que unha persoa ía ser trasladada ata Centro Hospitalario Universitario da Coruña tras resultar afectada pola inhalación do fume provocado.

Tras rematar as tarefas de extinción, os bombeiros indicaron que ardeu a campá extractora, a cociña e os mobles situados nesa estancia.

Arde un camión
Tamén, pasadas as 23:30 horas, varias persoas particulares poñíanse en contacto co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para dar conta dun incendio en Vilagarcía. Indicaban que ardía unha nave situado no interior dun recinto, na Avenida de Rubiáns.

Ata ao lugar desprazáronse, tras ser alertados polo 112 Galicia, os Bombeiros do Morrazo e do Salnés. Así mesmo, os xestores de emerxencias deron conta do sucedido aos axentes da Policía Nacional, Local e aos membros do servizo municipal de emerxencias da localidade.

Unha vez extinguido o incendio, os membros do servizo de extinción indicaron que unicamente ardeu un camión que estaba estacionado ao carón de dita nave, a cal resultou tamén afectada polo seu lateral.

facebook twitter instagram