Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dous feridos, un deles excarcerado, ao colidir dous vehículos en Vimianzo

Dúas persoas resultaron feridas, unha delas excarcerada tras colidir frontalmente un turismo e unha furgoneta cando circulaban pola AC-432, á altura do punto quilométrico 7,400, ao seu paso polo concello coruñés de Vimianzo.

Nada máis recibir a chamada de alerta, pasados uns minutos das 06:30 horas, na cal o persoal sanitario comunicaba ao 112 Galicia da posibilidade de que houbese unha persoa atrapada, os xestores de emerxencias alertaron axiña aos Bombeiros de Cee e aos membros Protección Civil da localidade. Así mesmo, solicitaron a colaboración dos axentes de Tráfico e a do persoal de mantemento da estrada que se encargaron de recuperar as condicións de seguridade na vía.

Unha vez liberado o condutor do interior da furgoneta, os Bombeiros confirmaron o traslado de ambos condutores ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios.

Unha persoa foi rescatada tras caer ao mar mentres pescaba na Guarda

Unha embarcación particular rescatou a pasada tarde a unha persoa que caeu ao mar cando se atopaba pescando no Porto da Guarda.

Ao fío das 19:30 horas, un particular poñía en alerta ao 112 Galicia. Indicaba que unha persoa caera dende as rochas ao mar e presentaba dificultades para saír por mor da ondada que había nese momento.

A partir de aí, o 112 Galicia puxo en alerta ao persoal de Salvamento Marítimo e ao servizo de Gardacostas de Galicia. De igual xeito, informou ademais de aos servizos sanitarios, á Garda Civil, Policía Local e aos membros do GES da Guarda.

Tamén o helicóptero Pesca-1 do servizo de Gardacostas se desprazou ata o lugar, aínda que finalmente, unha embarcación particular que se atopa na zona puido rescatar á persoa.

Tras ser rescatada, unha ambulancia do servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazouse ata o Porto e trasladou ao pesacador ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.